Sunday 19 de May de 2024

Saen á venda as entradas para o novo espectáculo de Pedro Ruiz, ‘Mi vida es una anécdota’, que terá lugar no Teatro Colón o día 18 de outubro


O artista barcelonés actuará na Coruña no segundo semestre de ano,subíndose ás táboas para achegarlle ao público múltiples anécdotas en formato de monólogo, con cancións propias, parodias e poemas

O Teatro Colón acollerá o venres 18 de outubro o novo espectáculo de Pedro Ruiz, ‘Mi vida es una anécdota’, que chegará á Coruña no segundo semestre deste ano.

Ruiz, un artista polifacético coñecido polos seus anos como presentador televisivo e radiofónico, sube ás táboas nunha función única e exclusiva, na que achegará múltiples anécdotas divertidas e insospeitadas entre cancións propias, parodias e poemas nun ambiente íntimo e persoal. Todas, contadas ou interpretadas desde a verdade, mais coa parodia ou esperpento das personaxes aludidas.

‘Mi vida es una anécdota’ terá lugar o 18 de outubro (20.30 horas), reforzando así a programación de eventos culturais e de ocio previstos este ano na cidade, baseándose na colaboración establecida polo Concello da Coruña e a Deputación da Coruña.

As entradas para asistir ao show xa están á venda desde este xoves 8 de febreiro, cun custo que vai dos 25 aos 32 euros en función da localidade escollida. Pódense adquirir a través da web de Ataquilla, así como no despacho de billetes do IMCE sito na praza de Ourense. O seu horario de apertura é de luns a venres (agás festivos) de 11.00 a 15.00 e de 16.30 a 19.30 horas.